O catedrático de Mecánica das Rochas da Universidade de Vigo Leandro Alejano Monge recibiu este mediodía de mans do vicerreitor de Investigación da UVigo, Manuel Martínez Piñeiro, a Medalla Isidro Parga Pondal e o diploma, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias, polo seu traballo a prol da mellora da seguridade nas explotacións mineiras. A RAGC celebrou hoxe cun acto no salón nobre do Colexio de Fonseca, o Día da Ciencia en Galicia dedicado á oceanógrafa Aida Fernández Ríos e no que se entregaron as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos galegos.
O catedrático da UVigo Gabriel Rosón dedicou a súa conferencia a glosar a figura de Aida Fernández Ríos, coa que compartiu actividade profesional no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, que a homenaxeada foi a primeira muller en dirixir. Rosón lembrou a súa contribución ao desenvolvemento de métodos destinados a cuantificar o dióxido de carbono procedente de actividades humanas almacenado no interior do océano. “Un fito fundamental desta liña foi a súa participación nun artigo publicado na revista Science en 2004, o primeiro estudo que determinou de maneira global a cantidade de CO₂ de orixe humana acumulada no océano”, destacou Rosón. Pola súa banda, o presidente da Academia, Juan Lema, destacou que “Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia e abrindo camiños para outros”.