Un dos principais retos que está a afrontar a Unión Europea é o relacionado co subministro de materias primas esenciais que se empregan para tecnoloxías limpas, como o litio para baterías de vehículos eléctricos ou o cobre para electrificación, pero tamén na vida cotiá, como os metais para os teléfonos móbiles. Para avanzar neste eido, a UE deseñou iniciativas políticas como a Lei de Materias Primas Críticas (Comisión Europea, 2019), que establece como obxectivo acadar o 10% das necesidades anuais de extracción da UE para 2030, o que require un incremento da eficiencia mineira.
Non obstante, cómpre ter en conta que a minería é responsable de preto do 8% da pegada de carbono mundial, polo que é esencial avanzar en liñas de innovación que axuden a reducir este impacto. O proxecto Optimalmine (Slope optimal design for a paradigm shift in mining efficiency, environmental friendliness and resilience), seleccionado dentro da convocatoria Horizon Europe, é unhas liñas de traballo postas en marcha para desenvolver un cambio de paradigma na eficiencia mineira, sustentabilidade ambiental e resiliencia.
Entre o 6 e o 27 de outubro de 2025, a investigadora María Pazo realizou unha estadía de formación no IHE Delft Institute for Water Education, un dos centros de referencia mundial na avaliación e xestión da calidade da auga. Esta participación enmárcase no proxecto nacional DLWater e no programa CINTECX-Challenge 2025, reforzando así as liñas estratéxicas de investigación do grupo GESSMin.
Ao longo destas tres semanas, María Pazo completou o curso internacional Water Quality Assessment and Monitoring, que ofrece unha formación integral na análise e seguimento de recursos hídricos. O programa incluíu técnicas de análise de datos aplicadas a sistemas acuáticos, prácticas especializadas en laboratorio de calidade da auga, hidroloxía aplicada, traballo de campo e o deseño e optimización de redes de monitorización.
Este conxunto de competencias resulta especialmente relevante para o avance dos proxectos DLWATER (PID2023-148012OB-I00) e CINTECX-Challenge 2025, así como para o fortalecemento da capacidade investigadora do grupo GESSMin, ao permitir incorporar metodoloxías innovadoras e mellorar os protocolos analíticos e de seguimento ambiental.
A estadía de María Pazo supón, polo tanto, un paso significativo cara á consolidación dunha investigación máis robusta, interdisciplinar e conectada internacionalmente no ámbito da calidade e xestión sostible da auga.
Do 8 ao 12 de setembro de 2025, José Santiago Pozo Antonio, Laura Andrés Herguedas e Gonzalo Buceta Bruneti participaron na 14º edición do congreso Lasers in the Conservations of Artworks (LACONA), celebrado en Bucarest (Romanía). Durante o evento, tiveron a oportunidade de escoitar ao Profesor Fotakis, quen compartiu a súa visión actual sobre o patrimonio cultural.
Os tres investigadores presentaron avances dos proxectos que están en marcha. O primeiro deles, o proxecto Lasering-PH, enfocado no emprego da tecnoloxía láser como ferramenta de limpeza para mostras de pinturas murais antigas e pinturas rupestres. O segundo, SOS-murals, está orientado a estratexias de conservación, tanto de limpeza como de protección, dos murais urbanos. Tamén tiveron a oportunidade de xuntarse con outros socios de Lasering-PH.
Santiago Pozo Antonio presentou dúas comunicacións: “Laser cleaning of vandalic graffiti paints on contemporary wall paintings” e “Cleaning of fresco and tempera mock-ups by means of a Nd:YAG at 1064 nm”. Laura Andrés Herguedas expuxo parte dos resultados da súa tese de doutoramento na comunicación “Assessment of visible or near-infrared hyperspectral imaging for evaluating laser cleaning effectiveness on tempera mock-ups”. Pola súa banda, Gonzalo Buceta Bruneti presentou a comunicación “Influence of the pigment and binder on the laser cleaning of graffiti in cave paintings mock-ups with an Er:YAG”, na que compartiu algúns resultados sobre a limpeza de mostras de laboratorio de pinturas rupestres vandalizadas.
O congreso resultou ser un evento sumamente enriquecedor e concluíu coa noticia de que Vigo será a sede da próxima edición de LACONA en 2027.
Do 18 ao 23 de agosto de 2025, o noso investigador Santiago Pozo, pertencente ao grupo GESSMin (Xestión Segura e Sostible de Recursos Minerais), participou na primeira Escola de Verán China–Europa sobre Ciencia e Tecnoloxía aplicadas ao Patrimonio Cultural, organizada polo Institute of High Energy Physics e a Academia de Ciencias China.
Xunto con outros dous expertos —Massimo Lazzari, da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador da rede Technoheritage, e Mónica Álvarez del Buergo, investigadora do CSIC e coordinadora da rede CSIC PTI PAIS— e seis estudantes especializados na conservación do patrimonio cultural, desenvolveuse un intenso intercambio con académicos e equipos chineses de referencia. As actividades realizáronse en espazos emblemáticos como o Museo do Palacio de Pequín e en infraestruturas científicas punteiras baseadas en aceleradores de partículas, como HEPS e CSNS, actualmente aplicadas á investigación en patrimonio cultural.
A semana concluíu co Diálogo España–China sobre Ciencia, Tecnoloxía e Patrimonio Cultural: “Do Coñecemento á Conservación”, organizado por CDTI Innovación – SOST China e a Embaixada de España en Pequín, celebrado no auditorio do Instituto Cervantes.
Durante a Escola de Verán, Santiago Pozo presentou os resultados máis relevantes dos proxectos que se están a desenvolver no grupo GESSMin, nomeadamente LASERING-PH e SOS-MURALS.
Agardamos que esta participación sexa o inicio dunha colaboración máis estreita e frutífera.
- Especialistas e profesionais dialogan na Semana Forestal 2025 sobre o presente e futuro deste sector
- Extinción de incendios, xestión dos montes e investigación combínanse na Semana Forestal 2025
- A UVigo participa nun proxecto dirixido a definir unha estratexia para a prevención de incendios no suroeste europeo