Profesionais da xestión forestal e da prevención e extinción de incendios, representantes da industria e investigadores e investigadoras reúnense nestes días na Semana Forestal 2025, un programa de actividades deseñado polo alumnado co obxectivo de promover un diálogo sobre “o presente e o futuro do sector”, como sinalan desde a organización. Impulsada pola Delegación de Alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal, coa colaboración deste centro e da Vicerreitoría do campus, na mañá deste luns botaba a andar unha nova edición dunha semana na que a habitual actividade académica vese substituída por un conxunto de conferencias e mesas de debate. Estas, explicou Uxío Silva, presidente da delegación, teñen como obxectivo "complementar a formación" do alumnado deste centro a través do "contacto coa realidade do sector”.
Con ese propósito, entre este luns e mércores terán lugar unha serie de actividades que teñen como eixes a “prevención e extinción de incendios, a evolución da xestión forestal, a situación do sector galego da biomasa ou os traballos desenvolvidos por investigadores e investigadoras desta escola no marco de diferentes proxectos”. Esta programación permitirá tamén achegarse ás experiencias profesionais de egresados e egresadas do centro e completarase o xoves 10 coa conmemoración do patrón da escola, San Leandro.
A prevención e extinción de incendios, a evolución da xestión forestal, a situación do sector galego da biomasa, os traballos desenvolvidos por investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal no marco de diferentes proxectos ou os ámbitos de traballo das egresadas e egresados do centro son algúns dos eixes da programación da Semana Forestal 2025. Promovida pola delegación de estudantes, coa colaboración da escola e da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, trátase dunhas xornadas abertas á cidadanía, que se desenvolverán entre o 7 e o 10 de abril e que teñen como obxectivo “complementar a formación do alumnado”, pondo o foco en diferentes cuestións relacionadas “tanto coa parte de explotación forestal, como coa de industria, que son as dúas ramas da titulación”, explica Uxío Silva, presidente da Delegación de Alumnos.
A programación desta semana, na que o centro substitúe a actividade académica habitual por unha serie de conferencias promovidas polo alumnado, foi presentado este luns polo equipo directivo da escola e os responsables da delegación. Como unha iniciativa moi positiva, que “favorece a integración do noso alumnado, así como o contacto cos nosos egresados e egresadas” definiu a directora da escola, Ángeles Cancela, esta Semana Forestal 2025, “orientada principalmente ao estudantado, pero aberta tamén ao persoal do sector e ao público en xeral”, engadiu Silva.
Propoñer unha estratexia para a prevención de incendios no suroeste europeo mediante a mellora dos espazos forestais é o obxectivo central do proxecto Use4Forest, seleccionado polo Programa Interreg Sudoe e do que forma parte a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. Financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) con preto de tres millóns de euros, trátase dun proxecto coordinado pola Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia, no que participan trece institucións e entidades de España, Portugal e Francia, que desenvolverán e avaliarán a eficacia dunha serie de ferramentas innovadoras para xestión de incendios en áreas piloto destes tres países.
Presentado este luns, nun acto promovido pola Consellería do Medio Rural, Use4Forest estenderase ata 2026 e abranguerá tres fases de traballo nese obxectivo de propoñer unha estratexia para a prevención de incendios nunha rexión xeográfica marcada polo alto número de lumes forestais sufridos ao longo da última década. A primeira fase céntrase no coñecemento exhaustivo dos condicionantes do problema, tendo en conta unha serie de factores asociados ás características do suroeste europeo, como a crise demográfica, a abundancia de masas forestais ou o progresivo aumento dos eventos climáticos extremos. A seguinte fase esará dirixida ao desenvolvemento, proba e demostración de ferramentas innovadoras para a xestión e anticipación dos incendios forestais en diferentes áreas piloto, para finalmente avaliar a súa posible "transferencia e capitalización a escala Sudoe”, segundo recolle o texto de presentación do proxecto.