A liña de investigación de Explotación de minas céntrase, principalmente, na lousa e o cuarzo. Abarca a utilización de técnicas novas para a modelización de xacementos, estudos de calidade de produtos mineiros, cálculo de reservas, valoración de minas e planificación de explotacións mineiras.
Na liña de Conservación do patrimonio construído, realízase a caracterización de materiais usados no patrimonio cultural (rocas, pintura mural, arte rupestre, cerámicas, sitios arqueolóxicos), o estudo de mecanismos de deterioración e diagnóstico do estado de conservación, a avaliación da eficacia e durabilidade de tratamentos de consolidación, hidrofugación e limpeza, e o estudo de métodos de desalación e consolidación por técnicas electrocinéticas.
A liña de Enxeñería geotécnica estuda o comportamento post-cava de rocas e macizos rochosos, analiza o comportamento hidro-mecánico das rocas, a estabilidade de noiros en roca e os desprendementos, e aplica a mecánica de rocas ao deseño e seguimento geotécnico de minas subterráneas: caracterización, análise numérica e monitoraxe.
A liña de Modelización ambiental utiliza técnicas de machine learning para facer avaliacións de contaminación a partir de datos experimentais. Tamén incide na avaliación de impacto ambiental de actividades como a construción e a minería e a recuperación de espazos degradados.
A investigación en Tecnoloxías cartográficas utiliza tecnoloxías LiDAR, sensores fotogramétricos, multispectrales e termográficos desde diferentes plataformas e escalas de observación (drons, sistemas terrestres, aéreos e satelitales). As súas aplicacións céntranse en arquitectura, construción, eficiencia enerxética, patrimonio, medioambiente, cambio climático e incendios forestais.
Na liña de Prevención de riscos laborais fanse estudos de accidentalidade e cálculos do risco de accidente utilizando técnicas de minería de datos. Tamén se utilizan técnicas estatísticas avanzadas para a vixilancia da saúde, a partir dos datos das revisións periódicas.