Máis aló dos soutos presentes en múltiples puntos de Galicia, na comunidade existen tamén múltiples plantacións de castiñeiros novos, en moitos casos de reducidas dimensións, e polo tanto máis complexas de detectar e contabilizar. Partindo desa idea, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal desenvolveron unha metodoloxía que permite detectar e cuantificar este tipo de plantacións, sustentada no uso de fontes cartográficas oficiais de libre acceso e das imaxes tomadas polos satélites Sentinel da Axencia Estatal Europea. “Trátase dunha metodoloxía para unha cuestión moi específica, para un fenómeno que se está dando no territorio galego, que crece en determinadas contornas e para o que non había unha forma de saber cantos castiñeiros se están plantando”, salienta a profesora Julia Armesto.
Sustentada no desenvolvemento dun algoritmo capaz de detectar plantacións de castiñeiros, esta metodoloxía baséase no uso de “fontes oficiais e gratuítas”, como salienta Armesto. Concretamente, emprega tanto a información tomada con tecnoloxía Lidar no Plan Nacional de Ortografía Aérea (PNOA), do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, como as imaxes tomadas polo satélite Sentinel-2, do programa Copernicus da Axencia Espacial Europea. “Combinamos a radiometría que nos dá Sentinel coa xeometría que nos dá Lidar-PNOA”, apunta Armesto. A pesares das limitacións que, engade, en termos de resolución, supón o emprego destas fontes de acceso aberto, os castiñeiros presentan unha “xeometría moi particular, cunha copa moi ben definida”, que fai posible a súa identificación.