Na análise que, no marco dun convenio coa Deputación de Pontevedra, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal realizaron da vaga de lumes que en 2017 asolou o sur de Galicia, atopáronse cun episodio que non prevían, o acontecido na área arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas. As características deste conxunto de pinturas rupestres e os labores de conservación e roza da vexetación da súa contorna fixeron que esta actuase como freo ante o lume máis extenso dos rexistrados en outubro daquel ano, evitando que as lapas alcanzasen unha masa boscosa situada ao seu carón. Este feito levou aos investigadores e investigadoras do campus pontevedrés a preguntarse se a protección de elementos patrimoniais como os petróglifos pode á súa vez contribuír a evitar ou diminuír os efectos dos incendios forestais. Pregunta á que trata de dar resposta o proxecto Paleointerfaz, seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación e que ten como obxectivo o “desenvolvemento de ferramentas e estratexias de xestión integrada de xacementos arqueolóxicos e incendios forestais”, como destaca a súa investigadora principal, a profesora Julia Armesto.
Como lembra a responsable deste proxecto, que se estenderá ata 2024, Galicia conta “cun rico patrimonio cultural”, do que forman parte preto de 3000 petróglifos, e é tamén unha das rexións europeas “con valores máis altos no referido á frecuencia de incendios forestais”. De aí que o punto de partida de Paleointerfaz. Elemento estratégico en la prevención de incendios forestales. Desarrollo de metodologías de análisis 3D y multiespectral para la gestión integrada sexa a busca de “sinerxías entre os labores dirixidos a preservar e pór en valor o patrimonio e a súa contorna e os dirixidos a actuar de maneira significativa contra a propagación dos lumes”. Non en van, tanto pola súa disposición xeográfica como polas actuacións na vexetación para facelos accesibles ao público, elementos patrimoniais como os petróglifos, nos que se centra esta investigación, poden contribuír, como destaca Armesto, a “modificar de maneira substancial un eventual incendio”.